Vivimos hoxe o momento máis grave para España desde que comezou a crise económica. O Goberno español tomou a decisión de pedir á Unión Europea que poña en marcha un mecanismo de rescate para poder facer fronte ás necesidades do sistema financeiro español.
O PSOE traballou para non chegar a esta situación. Fíxoo no Goberno. Tamén na oposición, apoiando ao Goberno na súa política na Unión Europea. Desgraciadamente, ao final, España tivo que solicitar axuda á Unión Europea para sanea-lo noso sistema financeiro. É unha mala noticia para España. Porque deteriora a imaxe do noso país. Porque o préstamo faise ao Estado para que o Estado preste aos bancos.
Necesitamos reflexionar seriamente, serenamente e profundamente sobre a situación na que estamos. Sobre as nosas fortalezas e as nosas debilidades.
Necesitamos delimita-la responsabilidade de quen, desde as distintas institucións, políticas, financeiras, administrativas, tiveron relación co proceso de deterioración dos nosos bancos e caixas. Temos que facelo para responder a todas as preguntas que se fan os cidadáns. Temos que facelo coa vontade de que non se volvan a cometer erros, conscientes de que un correcto funcionamento do noso sistema financeiro é clave para o futuro da nosa economía e para a creación de emprego, que é sen dúbida o obxectivo fundamental do PSOE. E temos que facelo no Parlamento, creando unha Comisión que investigue, vixíe e propoña medidas mentres dure o proceso de recapitalización dos nosos bancos e caixas de aforro.
Pero sobre todo, o que necesitamos é actuar. Actuar en primeiro lugar para que o rescate da Unión Europea non o acaben pagando quen nada tivo que ver coa situación pola que atravesan os nosos bancos e caixas. Para evitar que sexan os traballadores e as clases medias quen dunha ou outra forma acaben pagando o custo do rescate. Actuar para que, ao final do proceso de reestruturación, o diñeiro público volte ás arcas públicas. Actuar para que as axudas permitan desbloquea-lo crédito ás familias e ás empresas, que están pendentes para poder consumir e crear emprego, respectivamente. Actuar para que os cidadáns que teñen dificultades coas súas hipotecas, os que se viron enganados pola subscrición das denominadas accións preferentes, tamén teñan resultados positivos desta axuda europea. E facelo con transparencia, explicando os pasos que se dan e o destino do diñeiro. Trátase de rescatar aos bancos pero, sobre todo, de rescatar aos cidadáns que están pasando por enormes dificultades.
A acción da Unión Europea non será efectiva se non cambia a política económica de xeito sustantivo. Se non acompañamos as políticas de axuste cunha vigorosa política de crecemento. A ausencia de estímulos na nosa economía, unida ao duro axuste realizado na mesma, levounos a unha recesión que ten que ver co problema financeiro que estamos tratando de abordar. Estimula-lo crecemento e volver gaña-la confianza na nosa economía son, dende hai tempo, os retos máis importantes que ten o noso país. Do crecemento vimos falando dende fai máis dun ano no PSOE e no partido dos socialistas europeos.
España vai recibi-la axuda a solidariedade da Unión Europea. España ten que contribuír, pola súa banda, ao cambio urxente que se debe producir na gobernanza económica europea. Esta crise demostrou que non estabamos preparados para afrontar unha. A solución non é menos Europa, senón máis Europa. Armonización fiscal, unión bancaria e Tesouro europeo.
O Partido Socialista está, como sempre, preparado para sumar, para contribuír e para pór o interese de España por encima de calquera outro. Expresamos unha e outra vez a nosa convicción de que é necesario alcadar grandes acordos políticos, sociais e institucionais, para facermos fronte a esta crise. E mostrámonos dispostos a iso. Hoxe esta convicción é máis forte que nunca.
Sabemos que se requirirán esforzos e estamos dispostos a compartilos. Aínda que dende agora dicimos que o esforzo que temos que facer como país non pode supor que se sigan deteriorando servizos públicos fundamentais, como a Sanidade e a Educación, que o esforzo non pode supor que diminúa a solidariedade con aqueles cidadáns que nestes momentos máis o necesitan.
O Goberno afirma que non haberá condicionalidade macroeconómica. Non estamos seguros. Do que si poden estar seguros os españois é de que o PSOE vai traballar para evitar que haxa máis recortes sociais ou laborais no noso país.
Somos conscientes da gravidade da situación. Pero iso non nos debe conducir ao pesimismo como país. O día de hoxe non ten por que ser un paso máis cara á depresión, senón o principio da solución.
España é un país forte, moi forte. Coa nosa fortaleza como país, coa axuda que hoxe nos presta Europa e, sobre todo, coa nosa unidade, coa unidade necesaria entre todos os españois, imos percorrer xuntos o camiño da recuperación da economía, do emprego e do benestar social.